Monday 06 de May de 2024

A Xunta abre a partir de mañá o prazo de presentación das solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla


— O DOG publica hoxe a orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se regula o aproveitamento desta especie durante a vindeira tempada

— O período hábil de pesca será distinto en cada pesqueiras e en todos os casos haberá que levantar as redes entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns

As solicitudes das autorizacións para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla durante a próxima tempada poderán presentarse ante a Xunta de Galicia a partir de mañá e durante un período de 15 días hábiles. Así se recolle na orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e na que se regula a normativa específica que rexerá para esta especie durante a tempada 2022.

A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen a utilizarse procedementos e artes tradicionais, que están prohibidos para o resto de peixes. De feito, a lamprea e a anguía son as únicas especies que poden ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico. Por iso, a Xunta establece cada ano un réxime especial para a súa captura co obxectivo de que se realice un aproveitamento ordenado das poboacións existentes.

Dentro das pesqueiras tradicionais do Ulla, existen na actualidade 28 que aínda están operativas. As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e cada pesqueira. Xunto cos permisos, entregaráselle a cada persoa un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado, nun máximo de 15 días, ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir de mañá. Os pescadores interesados deberán tramitalas preferiblemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén poderán facelo de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común (oficinas de Correos, rexistros municipais e da Xunta, entre outros).

Período hábil e limitacións
Tal e como establece a propia orde, o período hábil para a pesca da lamprea no Ulla durante a vindeira tempada irá do 3 de xaneiro ao 26 de marzo, no caso das pesqueiras de Areas, en Herbón; do 31 de xaneiro ao 23 de abril no tramo comprendido entre a pesqueira das Vellas e a da Trapa (as dúas tamén en Herbón); e do 7 de febreiro ao 7 de maio, no tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro (Reis), todas incluídas.

Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns, polo que neste período deberán levantarse as redes das pesqueiras.

A pesca da lamprea no Ulla, en todo caso, só se poderá practicar nas zonas autorizadas e cunha serie de limitacións. Así, no caso das pesqueiras de Areas e As Vellas os pescadores deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na chamada vea; tamén terán que utilizar redes que non causen dano a outras especies piscícolas; e todos os exemplares capturados nas pesqueiras que non sexan lampreas deberán ser devoltos ás augas ou entregarse ao persoal da Administración que o solicite.